Saturday, September 1, 2012

OS MOVEMENTOS DE LIBERACIÓN NACIONAL NO CAPITALISMO AVANZADO E A EMANCIPACIÓN DO PROLETARIADO



Se a cuestión nacional é un dos temas máis controvertidos dentro do socialismo científico, a atención ós movementos de liberación nacional nos países do capitalismo avanzado (coma o vasco, o irlandés, etc.), ten topado coas posturas máis enfrontadas e mesmo antagónicas dentro do Movemento Comunista. Se uns defendían que esta era a vía para rematar coa opresión nacional e de clase, outros sostiñan que iso non facía máis que dividir ó proletariado.

Sen ser a intención de este artigo ó atender a xusteza dunha liña ou outra, tentaremos facer unha breve análise sobre o xurdimento destes movementos, desde a óptica materialista e dialéctica.

A súa orixe máis directa sitúase, na época moderna, nos movementos burgueses que xorden nas distintas nacións oprimidas no século XIX. Estes eran a mostra dunha contradición entre o carácter cada vez máis centralizado da produción e as distintas capas sociais que saían perdendo na consecuente centralización do poder político no Estado (dende capas concretas da burguesía a sectores ameazados da vella sociedade feudal).

Aquelas nacións que non tiñan unha burguesía dabondo forte como para poder construír un Estado propio, víronse sometidas á unificación forzosa dos grandes Estados imperiais. Á burguesía destas nacións só lles restan dúas saídas: ou apelar ó pobo e levar a súa loita até o final: a independencia; ou ben integrarse na clase dominante e utilizar os aparellos estatais da nación opresora contra o proletariado da nación oprimida.

Será nas primeiras décadas do século XX, e especialmente na segunda metade do século, cando as que opten pola primeira vía acaden movementos verdadeiramente de masas, arrastrando tras de si a boa parte do proletariado consciente (o que nunca deixaría de ser unha contradición dentro do propio movemento[1]).

Chegados a isto cabe debuxar varios factores que permitiron que na etapa imperialista, cuxa lei é á concentración, atopemos esta tendencia á inversa, á disgregación:

1. En primeiro lugar, ó entrar na etapa imperialista, o capitalismo concentrou aínda máis a produción en cada Estado, creando monopolios, e acentuando a contradición que sinalábamos na etapa anterior.

2. Ademais, a creación do chamado “Estado do Benestar”, que grazas ós beneficios obtidos polo imperialismo creou unha extensa aristocracia obreira, e en última instancia, permitiu relegar a contradición capital/traballo deixando que contradicións secundarias (como a nacional) salten á palestra no plano subxectivo.

3. Por outra banda, cabe sinalar o comezo dunha etapa de refluxo no movemento revolucionario mundial, que xa Lenin intuía na derrota espartaquista, e que remataría de asentarse despois da Segunda Guerra Mundial, cando a burguesía conseguiu remontar a súa taxa de ganancia. A división do Movemento Comunista Internacional e a perda do carácter de vangarda dos seus principais referentes, xunto coa intensa campaña anticomunista, deixaron un oco no movemento revolucionario, cuberto en parte por estes movementos.

4. O éxito acadado polas revolucións que, trala Segunda Guerra Mundial tomaron o carácter de antiimperialistas e de liberación nacional (China, Cuba, Vietnam…), cuxa influenza ideolóxica deixouse sentir tamén no seo dos países imperialistas[2]. (Isto terá importancia para o proletariado en tanto en canto levárono moitas veces a caracterizar á “burguesía nacional” como revolucionaria e aliada temporal).

5. O intenso esforzo dos gobernos por exaltar o patriotismo centralista, como medio de garantir o apoio da poboación ás guerras imperialistas, ó pacto social… xerou un efecto de acción-reacción que, mediante unha maior opresión nacional, potenciou a resistencia do pobo fronte a ela.

6. "O erro da esquerda centralista reside no feito que por temor a facerlle o xogo ó nacionalismo burgués das nacións oprimidas beneficiou non só ó nacionalismo burgués, senón tamén ó nacionalismo ultrarreaccionario da nación opresora"[3]. Este erro, xa enunciado por Lenin, non deixou de ser repetido por boa parte da esquerda estatal, que moitas veces por incomprensión e ate traizón deixou de lado as reivindicacións das nacións oprimidas. A aceptación do “Estado das Autonomías” e a renuncia á autodeterminación por parte do PCE na transición (entre outras infamias) facilitou a rotura dos proxectos estatais.

Até aquí algúns dos feitos que, ao noso xuízo, posibilitaron o xurdimento destes movementos. Respecto ao futuro, cabe sinalar brevemente que algunhas destas tendencias que sinalamos atópanse agora virando á inversa, o que repercutirá tamén no tema que nos ocupa. Non obstante, a conquista dos dereitos democráticos polas nacións oprimidas seguen sendo, como obxectivo estratéxico, tarefa pendente e de plena vixencia. A loita pola súa consecución haberá de atender ós cambios que se produzan no seu contexto, e moi especialmente á perda do carácter revolucionario das respectivas “burguesías nacionais”, que rematan por optar pola primeira vía que sinalábamos (a integración no bloque oligárquico-burgués), como queda visto no caso vasco e irlandés. Isto implica que só as clases traballadoras poderán agora acadar estes obxectivos. Como dicía Marx:

“Para que os pobos poidan unificarse realmente, os seus intereses deben ser comúns. Para que os seus intereses poidan ser comúns, é mester abolir as actuais relacións de propiedade, pois estas condicionan a explotación dos pobos entre si; a abolición das actuais relacións de propiedade é interese exclusivo da clase obreira. Tamén é a única que posúe os medio para iso. A vitoria do proletariado sobre a burguesía é, ó mesmo tempo, a vitoria sobre os conflitos nacionais e industriais que enfrontan hostilmente entre si, hoxe en día, ós diversos pobos. Por iso, o trunfo do proletariado sobre a burguesía é, ó mesmo tempo, o sinal para a liberación de tódalas nacións oprimidas”[4].



[1] Como mostra, temos as loitas que se deron no seo do Partido Galeguista entre os sectores progresistas, con Suárez Picallo de ideas socialistas, e a reacción encabezada por Vicente Risco.
[2] Botando outra ollada para a terra, cabe sinalar a pegada que deixou o maoísmo en Galiza, na UPG.
[3] “Sobre o internacionalismo proletario” V. I. Lenin.
[4] “Discurso sobre Polonia”, Karl Marx.

No comments:

Post a Comment